Patricia Cupeiro López : Grupo vocal e canto

A soprano ferrolá Patricia Cupeiro iniciou a súa formación musical coa especialidade de guitarra, acadando o título profesional en 2005 coa profesora Isabel Villoch. Licenciada en Historia da Arte coa especialidade de Historia da Música na USC (2005), obtivo tamén nesta universidade o Diploma de Estudos Avanzados no programa de doutoramento “Estudos sobre Historia da Arte e da Música” (2007), impartindo docencia posteriormente nos cursos 2010 e 2011 coma becaria predoutoral do programa “María Barbeito” de varias materias coma “Introducción á linguaxe musical” e “Historia da Música” na Facultade de Xeografía e Historia.

No ano 2004 o seu interese pola música moderna lévaa a ingresar na formación vocal «Coro da Rá«, agrupación na que participa activamente e que supón un punto de inflexión na súa traxectoria, xa que nos últimos anos desenvolve unha especial curiosidade pola técnica vocal. Así, decide estudar a especialidade de canto, titulándose recentemente no Conservatorio Profesional de Santiago coa profesora Aída López .Durante unha estadía en Florencia no 2010, asiste a aulas de canto cos mestres de canto lírico Gabriele Lombardi e Gianni Fabrini. Tamén recibe clases de técnica vocal das profesoras galegas Mónica de Nut, Patricia Rodríguez, Patricia Morchón e Mónica Alonso e asiste a master classes, cursos e seminarios de distintos estilos musicais impartidos por músicos nacionais e internacionais coma Santi Ibarretxe, Moisés Sala, Scott Stroman, DeanBowman, José Antonio Campo… En 2013 realiza o curso da CECAP “Prevención de patoloxías da voz”.

Integra os coros «Concerto Tempo« de Ferrol dirixido por Xosé Antonio García Mato, co que participa e obtén varios premios en certames a nivel galego e nacional, e o anteriormente citado «Coro da Rá» dirixido por Ramón Bermejo, onde imparte clases de técnica vocal dende 2014 e participa na gravación do seu disco Fráxil (2010). Participa tamén na montaxe da ópera Suor Angelica de Puccini no papel de Maestra Novizie co Coro Lírico «Gregorio Baudot» dirixido por Cristina Taboada (2012).