Pilates

O nome se orixina do apelido de Joseph Pilates, creador dunha disciplina que el chamou Controloxía (a coordinacion total de corpo, mente e espírito) e que no seu honor máis tarde se chamou Pilates.

Pilates é un sistema de exercicios físicos creados a principios do século XX que se centra no desenvolvemento equilibrado do corpo, a través dunha serie de movementos baseados na forza do cerebro. Está enfocado a calquera persoa que desexa nutrirse dos seus beneficios, que son: desenvolvemento da forza, flexibilidade, coordinacion, velocidade, axilidade, resistencia, control corporal, activación muscular, corrección de postura, endereitamento do corpo, tonificación dos órganos internos, relaxación e liberación da tensión centrándose principalmente na respiración. É aconsellable en embarazadas posto que é un exercicio seguro e sen impacto.

Pódese empregar non só á hora de realizar exercício físico de mantemento, senón que tamén se emprega con obxectivos atléticos e rutineiros en deportistas de alto rendemento ou amateur.

Os principios básicos de Pilates son:

  1. Concentración: Mantén sempre a mente concentrada no exercicio que realizas. É un xeito de moverse coa mente. Así se pode realizar o movemento coa menor tensión posible.
  2. Respiración: Respirando de xeito consciente e voluntario, conséguese unha conexión intensa.
    A respiración costal é torácica + costal (activamente) e expulsamos pola boca cos labios entreabertos.
    Cando inspiramos, tomamos aire polo nariz levándoo ás costelas e mantemos o resto do corpo relaxado.
    Cando expiramos o aire debemos facelo suavemente, en varias fases:
    Primeira: debemos conectar o solo pélvico (o perineo).
    Segundo: debemos conectar o músculo transverso do abdome (contracción).
    Terceiro: debemos conectar o músculo recto anterior do abdome e os músculos oblicuos, que axudarán a tirar das costelas cara abaixo e así o diafragma axuda a rematar de expulsar todo o aire.
    Se é necesario, faranse varias respiracións para non quedar sen aire. Ollo, non aguantar nunca o aire!
  3. Centralización: O centro abdominal é o centro enerxético do corpo. Tódolos movementos realízanse dende o centro e cómpre unha conexión coa zona abdominal. Esta conexión acada un equilibrio entre a musculatura do abdome e a das costas (lumbar principalmente), e tamén fai os movementos máis seguros.
  4. Control: A boa postura só pode adquirirse cando todo o mecanismo corporal estea baixo un perfecto control. Cómpre realizar os exercicios dun xeito lento, coordinado e controlado.
  5. Precisión: Os exercicios teñen que realizarse exactamente como indican as instrucións. Durante a realización do exercicio hai que levar unha respiración correcta seguida dun movemento específico. Só así logramos superarnos.
    Ollo, se a execución non é ordenada desequilibrarémonos!
  6. Fluidez de movemento: Están deseñados para darche flexibilidade e habilidade, que se reflicte no teu xeito de andar e moverte. Os movementos deben ser rítmicos e harmoniosos.