Violín – Viola

Obxectivos:

Adquirir unha posición corporal axeitada, potenciando o desenvolvemento psicomotor, especialmente enfocado a conseguir a elasticidade e flexibilidade necesaria en cada nivel.

Coñecer o instrumento, tanto as súas características, coidado e mantemento como as súas posibilidades sonoras e expresivas.

Conseguir unha sincronización cada vez maior nos movementos de ámbolos dous brazos con precisión e exactitude rítmica.

Procurar o perfeccionamento continuado da afinación e da calidade sonora.

Adquirir hábitos de estudo correctos, potenciando a concentración en todo momento e desenvolvendo a memoria.

Desenvolver a capacidade de interpretación cun repertorio axeitado ó nivel que inclúa obras tanto para violín solista como de cámara e en grupo, para cando as clases sexan en grupo.

Contidos:

Práctica de exercicios de relaxación e control muscular, de xeito que permitan adoptar unha postura axeitada do corpo, unha colocación correcta do instrumento e a coordinación entrámbalas dúas mans.

Produción do son: cordas ó aire, empregando o arco e distintas lonxitudes deste.

Principios básicos da dixitación, as arcadas, cambios de corda e as ligaduras.

Golpes da arco básicos, a articulación ,a agóxica , as dinámicas e o vibrato como elementos de expresión musical.

Práctica de exercicios que desenvolvan a sensibilidade auditiva como premisa indispensable para obter unha boa calidade do son.

Técnicas e recursos para o control da afinación.

Exercicios para o desenvolvemento progresivo da capacidade técnica e mecánica do alumnado: escalas, arpexos  e intervalos, con diferentes articulacións, velocidades, dinámicas e rexistros.

Adestramento permanente e progresivo da memoria. Lectura á vista de obras e fragmentos sinxelos.

Estudo das posicións. Estudo das dobres cordas, acordes e trinos.

Práctica da improvisación libre baseada en efectos tímbricos, agóxicos, etc., ou dirixida sobre esquemas armónicos sinxelos, motivos melódicos e rítmicos básicos.

Técnicas e hábitos correctos e eficaces de estudo.

Iniciación á comprensión das estruturas musicais para chegar a través delas a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.