Definición:
A voz é un son natural que se produce na larinxe, amplifícase polas estruturas de resonancia e permite a comunicación oral. Podemos definir o canto como a voz na súa máxima beleza e como medio de expresión excepcional, que na maioría das ocasións xunta melodía e letra.
Obxectivos:
Coas clases de canto buscamos acadar as competencias que nos leven á liberación do aparato fonador, é dicir, ser capaces de emitir a voz na súa calidade máxima co mínimo esforzo e da forma máis descansada.
Contidos:
Medidas de hixiene vocal, técnicas de relaxación e autocontrol, autoobservación fisiolóxica e respiración; vocalizacións, adestramento auditivo e traballo de repertorio, interpretación, improvisación e posta en escena.
Metodoloxía:
Sempre axeitándonos ao nivel de cada alumn@, traballamos cunha metodoloxía activa, que propicia a aprendizaxe por imitación e ensaio-erro, de autocoñecemento e autodescubrimento. Trátase dunha autoaprendizaxe guiada: é autoaprendizaxe porque a voz é propia de cada persoa e só quen a traballa pode apreciar o que sente dentro mentres estuda; é guiada porque unha persoa indica nas clases como chegar a esas sensacións e como, ó fin e ócabo, descubrir as nosas voces para poder usalas de forma sa e saudable, ó noso gusto e interese. Utilizamos recursos audiovisuais,gravámonos e usamos material de traballo corporal: esteiras, bóla de pilates, espellos, etc. Procuramos sempre ofrecer ó alumnado posibilidades de expresión artística en directo en concertos organizados a través da escola ou en colaboración con outras entidades.
Que che fornecerá vir ás clases de canto?:
O máximo descubrimento que se pode atopar nas clases de canto é o autocoñecemento ou mesmo o autodescubrimento de nós como persoas. Por un lado, daranos competencias musicais en xeral e de voz cantada en particular, o cal nos permitirá mellorar a nosa calidade vocal así como abordar diferentes repertorios e estilos, cada vez máis variados. Por outro lado, daranos benestar físico e mental. Os beneficios do canto son ben coñecidos dende a máis remota Antigüidade, mais hoxe en día, as investigacións en neurociencia están a confirmar que as vibracións que se producen no corpo cando cantamos propician a plasticidade cerebral, axudan nos estados anímicos e nas terapias de diversos trastornos, así como a superar certas etapas da nosa vida nas que non nos sentimos ben.