Claqué (Seminarios)

O claqué, tamén chamado tap dance, é un estilo de baile estadounidense no que se xeran sons a un ritmo específico a través do movemento dos pés.

O claqué orixínase na fusión das danzas de zocos de Irlanda, o norte de Inglaterra e Escocia, combinadas cos bailes practicados polos afroamericanos, entre o século XVII e XVIII. En 1739 prohibíuselles ós escravos negros que utilizasen instrumentos de percusión, e isto fixo que marcasen o ritmo cos pés e as mans. Bailado nun principio polos escravos, perfeccionouse nos Estados Unidos despois da Guerra de Secesión popularizándose ata acadar o seu auxe nos anos 30 e 40. Os bailaríns relaxaron as posturas ríxidas irlandesas, usando brazos e ombros e engadiron novos pasos.

O obxectivo deste curso é que o alumnado adquira os coñecementos básicos do claqué, mentres desenvolven as capacidades rítmicas, a concentración, a expresión e a sociabilidade.

As clases constarán de dúas partes:

1ª parte: Quecemento e técnica, efectuando pasos de claqué básicos para que o corpo entre en calor e os pés se relaxen. Vaise avanzando en dificultade ao longo da clase e do curso.

2ª parte: Coreografía, con montaxe dunha secuencia coreográfica.

Durante o curso (só nalgunhas clases) efectuaranse exercicios rítmicos e de improvisación.